Serán de aplicación os artigos 21 e 22 da lei 8/2013 modificada pola lei 6/2015, que se reflicten de seguido:
Artigo 21. Información pública e informe das administracións afectadas
- Será preceptivo o sometemento dos estudos informativos, ou, se é o caso, dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto nesta lei, aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas cando concorra algunha das seguintes circunstancias:
- Construción de novas estradas ou treitos delas que non se previsen no planeamento urbanístico municipal.
- Modificacións substanciais de estradas existentes que afecten de xeito significativo o planeamento urbanístico municipal, entendendo que existe afección significativa nos seguintes supostos:
- No caso de treitos urbanos, cando as obras se executen fóra dos terreos de dominio público viario ou dos comprendidos entre este e as aliñacións marcadas no correspondente instrumento de planeamento urbanístico.
- No caso de treitos non urbanos de estradas que atravesen solo non clasificado como rústico polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico, cando as obras se executen fóra dos terreos de dominio público viario ou dos comprendidos entre este e a liña límite de edificación.
- O trámite de información pública en materia de estradas levarase a cabo durante un prazo mínimo de trinta días hábiles, ampliable a xuízo da administración promotora da actuación, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e, como mínimo, en dous medios de comunicación de entre os de máis difusión no ámbito da actuación. A documentación que compón o estudo informativo, ou o anteproxecto ou proxecto que asuma a súa función, estará á disposición da cidadanía na sede central da administración promotora da actuación, na sede territorial desta que abranga o ámbito da actuación, se é o caso, e nos concellos afectados. As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a concepción global do trazado das distintas alternativas analizadas.
- Simultaneamente, os estudos e proxectos sometidos ao trámite de información pública en materia de estradas aos que se refiren os puntos anteriores tamén se someterán ao informe, en materia de estradas, das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación para que, nun prazo de trinta días hábiles, ampliable a xuízo da administración promotora da actuación, examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informen sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade co trazado proposto.
- Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás que se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.
Artigo 22. Aprobación definitiva
- Os estudos e proxectos serán aprobados de xeito definitivo, cando non teñan que ser posteriormente sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, polo órgano competente da administración promotora da actuación, logo da emisión do preceptivo informe de supervisión.
- No caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste. A resolución tamén pode deixar sen efecto a tramitación do estudo ou proxecto ou parte deste, ou ben pode acordar a suspensión, total ou parcial, da súa tramitación. Na resolución pódense introducir as prescricións de carácter técnico, social, territorial e de protección ambiental e patrimonial que se consideren necesarias, para ter en conta nos proxectos que desenvolvan posteriormente o estudo ou proxecto ou, cando aquelas sexan significativas, nun novo estudo ou proxecto que sexa sometido á mesma tramitación ca o orixinal.
- No caso de que o informe dalgunha das administracións ás que se lles dese trámite de informe preceptivo en materia de estradas expresar de xeito motivado a súa falta de conformidade co trazado proposto no estudo ou proxecto, o expediente remitirase ao Consello da Xunta de Galicia, que será o competente para emitir a resolución de aprobación definitiva do estudo ou proxecto, logo do informe da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de estradas.
- A aprobación definitiva dos estudos informativos, así como dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, cando non estean incluídos no Plan director de estradas de Galicia, no plan sectorial de estradas da administración promotora nin no planeamento urbanístico municipal, corresponderalle ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de estradas no caso de actuacións promovidas polas entidades locais.
- A aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, os depósitos dos materiais sobrantes e os préstamos necesarios para executalas, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para o replanteo do proxecto e para as modificacións deste que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e da urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.
- Logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente
Están en exposición pública os seguintes proxectos, que poden descargarse na columna dereita desta web:
- PROXECTO DE TRAZADO DO ACCESO A SAN VICENTE DE LEIRA OU-0807 (13/07/2017)